Sobre nós

Muiño da Costa 2
Santa María de Vigo é unha parroquia que se localiza no sureste do concello coruñés de Cambre, na comarca da Coruña. Segundo o padrón municipal (INE 2016) ten 293 habitantes (144 homes e 149 mulleres). A parroquia ten 23 lugares.

Barbaín | Cachos | O Carballo | O Corgo | Os Currás | Folgueira | A Fonte Cuntín | Fonte da Vila | A Fonte Moura | Golpilleiras | A Grela | Lapa | Longueiral | A Mosca | A Mourama | O Outeiro | Os Prados Vellos | A Regueira | San Roque | O Souto da Regueira | O Tuíño | A Veiga | Vilartó

Blog

Aquí podes acceder ás nosas novas que publicamos no noso Blog para que estés ao día das nosas actividades 

Ás nosas fotos

Aquí poderás aceder ás nosas imáxenes onde verás as nosas actividades, a nosa parroquia e o máis importante do noso municipio

A nosa historia

É probable que Vigo proceda do termo latino Vicus, que indica a existencia dunha aldea romana, así como a xa citada vía.

Nesta parroquia aínda se erixen numerosas casas de labranza tradicionais en bastante bo estado, entre as que podemos sinalar a coñecida co nome de Currás, no lugar do Pazo. Ademais destacan dous pazos moi ben conservados.

Á parte da ermida de San Roque, débese sinalar a Igrexa parroquial de Santa María, que foi restaurada no ano 1992. A súa fachada presenta unha porta con arco de medio punto e unha ábsida engadida na reconstrución. Pódense observar restos de contrafortes no exterior e algúns piares de granito. O conxunto coróase por medio dunha fermosa espadana.

Da construción(posiblemente do século XIV) consérvase o arco triunfal apuntado que descansa sobre columnas de fuste pequeno e capiteis de follas e tal vez piñas; as bases son tóricas.

Na restauración quedaron ao descuberto dous sepulcros que xa describía Carré Aldaoa principios de século, que debuxan unha muller e un segrar respectivamente. Había tamén un arco adornado con doas (preto do presbiterio) e unha lápida cun escudo e un cáliz, así como unha desgastada inscrición.

Os nosos espazos mais destacados

Igrexa de Santa María de Vigo

A igrexa parroquial de Santa María de Vigo, dedicada a Virxe das Neves (patroa) e sita no lugar de Folgueira, sufriu un incendio en xuño de 1936, resultando totalmente calcinada. Salvouse a sancristía. Foi un incendio provocado; dentro das revoltas que precederon o inicio da guerra civil e sendo párroco D. Ramón Mato Míguez, que sempre negou saber a autoría de dito incendio. Non foi até 1992, máis de 50 anos despois, que se restaurou a igrexa, con moita achega da freguesía, que colaborou tanto con cartos como con traballos. Mentres tanto, usouse a capela de San Roque, situada no lugar tradicionalmente chamado O Souto de Vigo.

Pazo de Mella

A finais do século XVIII y principios do XIX o capitán de navío Norberto de Mella Barbeito y Padrón comezou a construción do pazo, composto por unha edificación principal, pombal, escudo e dúas casas coñecidas por Lugar de Lamelas. Despois construíu unha casa anexa que a principios do século XX se converteu en capela semipública e na que se conserva o retablo da madeira maciza labrado en Santiago e trasladado ao pazo en burro por pezas. Presenta unha única edificación de planta baixa e primeiro andar, cun volume de torreón na parte esquerda da fachada composto por planta baixa máis dous andares. Posúe tamén unha capela do século XX e nos terreos do pazo existe tamén un pombal de planta circular. Nun dos laterais existe outra construción en planta baixa, antigamente dedicada a residencia da familia do servizo, coñecida como residencia Casa dos Lamelas. Dende o ano 2013 realizouse unha rehabilitación integral do pazo para dedicalo a hostalería e celebración de eventos, baixo o nome de Pazo de Mella.

Capela de San Roque

Pequena ermida de tipo rural toda revocada de cemento. Planta rectangular sen diferenciación na planta e no alzado e cun pequeno campanario de perpiaño e tellado a dúas augas. Enfrente ten un cruceiro.

Fraga do rei

É un espazo de recuperación e estudo da nosa fauna, flora e do bosque autóctono. Coñecíase pola fraga dos Mosqueira, Fraga do rei (que ven de regato) ou Valiñas, e agora creouse en Santa María de Vigo unha asociación cultural e ecolóxica que desenvolve actividades nela e sobre todo exerce a custodia do espazo é a ASOCIACIÓN CULTURAL E ECOLÓXICA A FRAGA DO REI que actualmente ten máis de 300 seguidores en facebook

https://www.facebook.com/afragadorei

Pola fraga pasa un camiño real chamado así por unir as feiras de Carral e Cambre e un regato que ven de Fonte Cuntín, da parte alta de Santa María de Vigo Antigüamente ían alí coller toxos para estrar as cortes, algún bidueiro para facer zocos, algunha xilbarda para facer vasoiras e cando estaban cansos e sedentos, bebían a auga fresquiña da fonte que nace ao carón do regato.

Algúns dos nosos veciños máis coñecidos

Narciso Correal Freire de Andrade

Nacido na Coruña o 20 de novembro de 1876 e finado na mesma cidade o 20 de xullode 1951, foi un avogado e escritor galego. Foi elixido concelleiro monárquico da Coruña en 1901. Recoñecido orador, colaborou en La Voz de Galicia, Vida Gallega e El Compostelano. Foi presidente da Asociación da Prensa da Coruña (1906). Foi elixido membro da Real Academia Galega, na que ingresou en 1939.